Como
é iso de que fai esta pelicla aquí? Como é iso de que este bló é para eruditos
e non se debería un rebaixar a comentar, nin sequera a ver, artefactos coma
este? Como é iso? Veña, veña. Non hai que poñerse así, na próxima entrada
explico unha de David Lynch e o
asunto queda amañado.
No
mundo do cine ás veces, poucas, pasan cousas raras. Un director pode escribir
as súas peliclas ou pode dirixir guións de outras persoas. Hai xente que comeza
como guionista e despois remata dirixindo, normalmente unha soa vez. Hai xente
que comeza actuando e despois dirixe algo, normalmente escrito por outros. Moi
poucas veces un director que adapta textos de outros se decide a escribir el un
e, sobre todo esta última, nunca un actor escribe nada, a non ser que sexa Ethan Hawke, que escribe novelas e todo.
Esta
película é un caso estraño deses, e non é a primeira. Resulta que Simon Pegg e Nick Frost, os protagonistas deste flim, tamén escribiron o guión.
Pero non só iso, non é a primeira vez que o fan. Primeiro metéronse co cine de
policías con Arma Fatal e despois
mergulláronse no cine de zombis con Shaun
of the Dead, coñecida aquí como Zombies
Party non se sabe moi ben por que, pero a Pegg e Frost gustoulles
tanto ese título que remataron metendo un póster da versión española do flim
por aí en outras cousas que fixeron.
Esta
vez tentaron darlle a volta ao cine de ciencia ficción, ao de salvar un
marciano máis concretamente, e remataron facendo isto. É un caso raro que
ningún dos dous dirixa, eles escriben o guión e despois pídenlle a un colega
que lles faga o filme. Aquí tocoulle a Greg
Mottola.
O
filme vai de dous amigos ingleses, Pegg
e Frost, que se van aos Estados
Unidos de América, ao Comicon, porque
son dous frikis que queren percorrer o país nunha caravana visitando os lugares
emblemáticos de avistamentos OVNI. Son tan frikis que se comunican entre eles
usando o klingon. Eu non son fan de Star Trek,
pero este tipo de detalles supoño que se agradecen, non sei.
Polo
camiño atopan a Paul, un
extraterrestre moi integrado na vida e nos costumes da terra, que é perseguido
por un axente do FBI. O extraterrestre foi asesor de Spielberg nos seus filmes dos ’80 e afirma ser o verdadeiro creador
do Axente Mulder. A este tipo de
detalles xa lle pillei máis a graza, de nada.
Ao
axente federal únenselle dous novatos. Os novatos son unha das partes boas da
película, dan risa de verdade, non están metidos con calzador vamos. Ademais
dos axentes estes o marciano tamén é perseguido por un fanático relixioso que
quere acabar con el porque pensa que é o demo. E xa contra o final a xefa dos
federais decide ir ela en persoa, despois da ineptitude amosada polos
subordinados, e resulta ser unha agradábel, ou non, sorpresa que non penso
estragar aquí.
Así
que, unha vez máis, aquí o temos. Unha buddie movie con marciano e perseguidores.
Un western de foraxidos na época actual. Unha película de chiste que, contra
todo prognóstico, fai rir.
Está
chea de detalles curiosos para os amantes do xénero, do xénero da ciencia
ficción, que algún aínda vai pensar que estou a falar da pana ou así, como que
a personaxe de Frost se fixo
escritor porque lle influenciou Mi Amigo
Mac ou as múltiples veces nas que a xente coa que se van cruzando os toman
por parella. Esta última non a van entender os que nunca tiveran un amigo, ou
sexa, que eu non a entendín.
Unha
das cousas que eu non entendo das pelis de salvar un marciano, non penso dar
títulos porque me parece que todos sabemos cales son, é o asunto de por que
cando se achega o final o marciano en cuestión vai empeorando, empeorando,
empeorando ata que chega un punto no que xa está nas últimas e se non marcha,
morre.
Nas
películas de salvar un marciano sempre aparece o susodito, susodito aínda vai
ser a palabra máis estraña que escribín na miña vida, aparece, dicía eu, e en
seguida se volve nunha festa. Como é marciano pode facer moitíííííííííííííííísimas
cousas que as persoas non podemos e non entende o noso comportamento, nin nós o
del, e iso fainos moita risa. A segunda media hora dos filmes de salvar un
marciano amósannos un problema que o marciano ten, ou é perseguido polo goberno
ou polos da súa especie, e as persoas teñen que traballar moito para salvalo.
Na última media hora da película de salvar un marciano o marciano propiamente
dito vaise murchando. Atóñase nun cornecho e vai perdendo a vida, así sen vir a
conto, e xa temos ao resto ás carreiras co marciano nunha ancarella e de
noite, as películas de salvar un marciano sempre rematan de noite, buscando a
nave que leve ao noso querido amiguiño ao seu planeta.
Nesta
non pasa.
E
as películas de marcianos non terán nada que ver coa recepción que se lles dá
en calquera país aos inmigrantes? Sempre vai haber alguén correndo detrás deles
para matalos, normalmente é o goberno, sempre vai vir o típico paleto,
relixioso ou simplemente facha, que tamén o quere matar e despois están os que
lle axudan, que en realidade son tan bos e lle axudan tanto porque o que queren
é que marche dunha puta vez, adeus marciano! Boa viaxe! Non
sei eu, pero alguén debería tomar cartas no asunto e escribir un libro ou algo.
Podíase titulas Las Películas de Salvar
un Marciano y La
Inmigración en el Mundo, Relación si la Hubiere.
Vaia
reflexión máis parva soltei aí, non?
En
fin, que as películas deste tipo non teñen moito que comentar, e eu hoxe
tampouco estou moi esperto nin moi lúcido, así que creo que o vou deixar aquí.

.jpg)
.jpg)

.jpg)
.jpg)

.jpg)
.jpg)